E de repente o último verán con Gabriel García Márquez

FUGAS · Exclusivo suscriptores

Dez anos despois da primavera que nos deixou sen Gabriel García Márquez, os fillos do autor que aprendeu da súa avoa galega Tranquilina publican a novela «En agosto nos vemos»

03 may 2024 . Actualizado a las 18:49 h.

Omes de abril de hai dez anos roubounos a un dos escritores máis brillantes da literatura universal. De seguro, neste tempo houbo lectores e lectoras que se entusiasmaron coas historias de José Arcadio Buendía, Úrsula Iguarán, Santiago Nasar ou Florentino Ariza e Fermina Daza. É probable que non houbese un só día en que alguén non lese algunha das páxinas que encomiaron a Gabriel García Márquez como un dos grandes autores de todos os tempos, pero coa mesma certeza xa non ocupaba os escaparates das librarías nin as mesas de novidades.

Hai unhas semanas todo mudou, os seus fillos presentaban En agosto nos vemos, a novela póstuma do escritor colombiano, na que traballou obsesivamente os derradeiros anos da súa vida, con frustración por non atopar o pulso coa historia. Un día pediulles que a destruísen, como adoitaba facer cos manuscritos que non o convencían. Para entón as súas facultades xa estaban moi minguadas, o alzhéimer avanzaba e esquecía aquelas palabras que aprendera da súa avoa ou os soños da noite anterior.

«Volvió a la isla el viernes 16 de agosto en el transbordador de las tres de la tarde. Llevaba pantalones vaqueros, camisa de cuadros escoceses, zapatos sencillos de tacón bajo y sin medias, una sombrilla de raso, su bolso de mano y como único equipaje un maletín de playa», así comeza a historia de Ana Magdalena Bach, unha muller de «cuarenta y seis años de nacida y veintisiete de un matrimonio bien avenido con un hombre que amaba y que la amaba». Durante oito anos, a protagonista viaxaba ese mesmo día a unha illa do Caribe para visitar a sepultura de súa nai. Collía o mesmo taxi, mercaba gladíolos e sentíase libre de ataduras naquelas poucas horas que estaba lonxe do seu fogar.

Por primeira vez, Gabo escolle unha muller como protagonista da súa narrativa e traballou de maneira profusa nela, ata tal punto que no seu arquivo se atopan cinco orixinais con comentarios, cambios de adxectivos ou frases riscadas na procura da perfección. Un deles tiña na primeira páxina un OK grande, polo que se escolleu como punto de partida e nel traballou o seu asistente, Cristóbal Pera, cunha condición: non engadir nin modificar nada que non estivese nalgunha das versións.

Con anterioridade, García Márquez lera pasaxes desta obra nun acto co novelista José Saramago, en 1999, e tamén publicou fragmentos en prensa do que por entón concibía coma un conto. Anos despois decidiu enviar o manuscrito á súa axente, Carmen Balcells, pero para entón xa lle estaba a botar un pulso á enfermidade. Sen dúbida, esta non é a súa mellor obra, pero nestas páxinas hai moito do Gabo que nos conquistou e resulta moi interesante o exercicio de meterse na pel dunha muller madura que sucumbe ao desexo, a sentir e a sentirse libre unha noite ao ano, a noite en que se hospeda no hotel da illa onde repousan os restos da súa nai.

En agosto nos vemos tamén é a proba de que un escritor como Gabriel García Márquez nunca pode deixar de selo, porque a vida é para contala, para facernos felices con libros tan memorables como Cien años de soledad (1967), Crónica de una muerte anunciada (1981) ou El amor en los tiempos del cólera (1985). En 1982 foi galardoado co Premio Nobel de Literatura, colocándoo no olimpo das letras, aínda que en realidade xa habitaba alí por decisión dos lectores e das lectoras.

Os fillos do autor afirmaron que esta será a súa derradeira obra, pois no seu arquivo non hai máis manuscritos e explicaron que contraviñeron a decisión do pai porque nesta novela traballou infatigablemente durante máis de unha década, un método habitual en Gabo que reescribía ata que cada palabra fose a adecuada, cada imaxe necesaria e cada historia perfecta.

Confesou nalgunha ocasión que o seu método de escrita debíallo á súa avoa Tranquilina: «narrar las historias más extraordinarias, inverosímiles y conmovedoras con la cara de palo con que las contaba mi antecesora gallega». Mina, como a chamaba agarimosamente, foi a persoa que máis o influíu, non só no seu castelán cheo de arcaísmos, de imaxes e construcións tan ricas, tamén na naturalidade con que contaba historias sobrenaturais e profecías. García Márquez sentía morriña do sabor das comidas galegas da avoa e da terra que nunca pisara, polo que despois de viaxar a Estocolmo decidiu pasar uns días en Galicia. Nós sentimos esa mesma conexión emocional coa súa obra, por iso festexamos En agosto nos vemos, aínda que sexa unha despedida, pero como el afirmou: «Entre gallegos —Ya lo sabemos— nunca se sabe».