Foi bonita a festa, pá

Ramón Nicolás

FUGAS

03 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tereixa Constenla lémbranos esta expresión en portugués —«Foi bonita a festa, pá»— para se referir a algo estupendo que aconteceu e que xa se perdeu. Talvez paire, melancolicamente, esta idea nun libro como o presente onde a autora reflicte, ao meu ver, uns extraordinarios dotes como xornalista, como analista política e, dalgún xeito, como historiadora deses ángulos agochados da Revolución dos Caraveis, xermolada nun país que moitos sentimos afectivamente próximo e querido.

Non se procure nestas páxinas unha análise aséptica do que ocorreu naquel xoves de abril de 1974 en Portugal: non é ese o seu obxectivo. Constenla subtitula o seu libro co significativo epígrafe de «Os heroísmos descoñecidos da Revolución dos Caraveis» e, en efecto, na súa densidade, en ocasións grazas a entrevistas realizadas ad hoc e á consulta de numerosa bibliografía, non se pon o foco unicamente sobre aquelas figuras ou acontecementos máis coñecidos do proceso revolucionario, isto é, das dúas mortes do ditador Salazar ou de Marcelo Caetano, do xeneral Spínola ou de Otelo Saraiva de Carvalho, do «Grândola Vila Morena» do Zeca Afonso ou do capítulo ocorrido no Terreiro do Paço. Antes ben agroman nestas páxinas o perfil do capitán Salgueiro Maia —un dos protagonistas de maior relevancia do 25 de abril— e doutras persoas, talvez menos coñecidas mais igualmente importantes nesta historia tan singular como son o tamén capitán José Manuel Costa Neves —que asaltou unha emisora de radio naquel día clave—, Conceição Matos e Domingos Abrantes —sobreviventes das torturas que lles infrinxiron en prisión—, Maria Antonia Palla, xornalista e loitadora polos dereitos das mulleres en tempos en que non era doado facelo ou a figura daquel cabo insubmiso e anónimo de Póvoa de Varzim que se negou a disparar nun tanque contra as tropas de Santarém e o capitán Maia: José Alves da Costa.

A Revolución, o seu antes e o seu despois, a influencia das guerras coloniais que sostiña Portugal naquel tempo, con especial atención ao masacre atroz de Wiriyamu en Mozambique, a presenza da tristemente célebre PIDE, o que se acadou coa Revolución —democratizar e descolonizar— e o que non —alimentar un desenvolvemento económico igualitario— encérrase neste libro que, en efecto, explica como abril foi e é un país.