PDRA e ADEGA alertan dos «graves impactos ambientais e sociais» de Altri

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

cedida

Pídenlle á Xunta que emita unha declaración de impacto ambiental desfavorable

03 may 2024 . Actualizado a las 15:42 h.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) manteñen a súa loita contra o proxecto de Greenfiber-Altri e esixíndolle á Xunta que rexeite outorgar a concesión de augas solicitada pola empresa e emita unha declaración ambiental desfavorable atendendo «aos graves impactos ambientais e sociais que comportaría a fábrica de celulosa para a bacía do río Ulla e da ría de Arousa».

«Consideramos que este proxecto afectará gravemente ás augas debido á detracción de caudais e á contaminación con elevadas cantidades de compostos químicos orgánicos no río Ulla. Comprometerá a viabilidade ecolóxica deste río, dos diversos usos e impactará directamente a medio ou longo prazo sobre a ría máis produtiva de Galicia», segundo indican nun comunicado conxunto difundido este venres.

Os seus argumentos en contra deste proxecto recóllense nun amplo documento a modo de alegación no que se avalían as consecuencias desta actividade fabril. Tendo en conta que a empresa solicitou una concesión de augas privativas para uso industrial de 46.000.000 de litros de auga o día do encoro de Portodemouros «esta concesión suporá a captación dun 9,2 % de recurso sobre o encoro», segundo os cálculos que fan desde a PDRA e ADEGA fronte á información «sesgada», afirman, que aporta a empresa.

Sobre os efectos do vertido industrial sobre as augas, conclúen que «os ecosistemas da ría de Arousa están xa ó límite e aumentar a contaminación que chegue á mesma pode supor o colapso dos recursos mariños desta zona».

Tamén alertan das consecuencias no subministro de auga á poboación, especialmente a concellos como A Estrada, Vila de Cruces, Arzúa ou Agolada. «Na actualidade hai unha poboación de 145.000 habitantes que se abastece do Ulla, número que se incrementará segundo estimacións do Plan Hidrolóxico debido á reserva dun volume de recursos no sistema de explotación para abastecemento Río Ulla e ría de Arousa ante o futuro incremento da demanda». Ademais, siñalan as organizacións ecoloxistas, a actividade de Altri deterioraría a calidade da auga e suporía, tamén, o encarecemento da potabilización da mesma.